10/01/17

Carta a alumnos suspensos?

10/01/17

Sempre me gusta intentar sorprender na clase con algún recurso inesperado, para saír do rutinario, pararnos a pensar xuntos en voz alta, ou sacar algo de proveito a partir do que pasa aí fóra. Onte foi luns, volvíamos do parón de Nadal, e non quería comezar sen compartir con eles (con vós) algo que non sabía se viran durante eses días... e que me parecía importante poñerlles; ao fin e ao cabo, neste país de telecinco, non é nada de nada habitual que os profes poidan saír na tele falando de educación.

Non me digades que aínda non visteis a película "Freedoms Writers"?

A cousa está cambiando. Todo comezou hai uns meses, cando o mestre César Bona foi elixido como un dos 50 candidatos ao Global Teacher Prize, unha especie de Premio Nobel da Educación. A prensa fíxose eco enseguida e César comezou a ser chamado por todo tipo de medios. Por primeira vez en moito tempo, puiden ver a un profesor, e non a un político, falando de educación. E ademais dunha maneira exemplar. Bravo, César!


E durante estes días de Nadal, foi Pablo Poo, profesor de Lingua Castelá, quen logrou facerse un oco, supoño que sen querer chegar tan aló. O motivo é a carta que este mestre decidiu escribir aos seus alumnos. En concreto, aos seus alumnos suspensos... E eu engadiría máis: aos alumnos que suspenden porque non queren afrontar o reto de intentalo. Afrontalo de verdade, como se enfrontan os retos: para ir a por eles.

Esta carta publicouse no xornal dixital ElHuffingtonPost, pero o que a converteu nalgo en boca de todos, foi que non era só un texto; contiña tamén un vídeo. Un vídeo que el mesmo gravou e subiu a Youtube, para dicirlles catro verdades: que deberían estar fastidiados, que pensan que o saben todo e non saben nada, que a vida é unha "putada" e... e por que mellor non o ves ti tamén?


E Alégrome. Alégrome de ver que hai moitos profesores que levan o seu traballo máis aló do estreito espazo e tempo da aula. Alégrome de que os meus alumnos souberan ver, por enriba dos reproches ou incluso da xeralización, unha intención sana e motivadora. E sobre todo, alégrome de que, dunha vez por todas, quen fale neste país de educación sexan os mestres. 

Recibe os contidos no teu correo

3 comentarios

  1. Anónimo11/1/17

    Bravo!! Por eses profesores que loitades por cambiar cousas na educación, seguro que entre todos o lograredes, moito ánimo, forza e ganas pra seguir adiante ainda que no camiño vós encontredes con moitas trabas.

    ResponderEliminar
  2. Ola Miguel! Qué ganas de seguir os pasos destes mestres.. e os teus! Na carreira fai falla mellorar moito en canto a educación que recibimos... bótase moito en falta consellos que dan mestres como este!
    Un abrazo enorme!

    ResponderEliminar
  3. O primeiro obstáculo é o sistema, a forma na que todo está montado, onde o menos importante, ás veces, é aprender; ou onde as últimas persoas nas que se pensa son precisamente as máis interesadas: o alumnado; ou no que non parece haber tempo para nada que non sexa tirar para adiante, dar temario e chegar con materia suficiente ao exame de turno. Odio tirar para adiante. Non quero vivir no anacrónico. As clases sen un ápice de emoción, de motivación ou de acción deberían estar prohibidas.

    Hai tanto que cambiar, que ás veces teño a tentación de solicitar unha excedencia para irme por aquelas escolas e institutos de Galicia, España ou Europa que teñen mestres, métodos, técnicas ou dinámicas que sobresaen, que innovan, que melloran, que buscan dar un paso de xigante. Ir a intercambiar e a aprender de outras persoas. Porque todos temos que dar ese paso, sen agardar polo sistema.

    Silvia, teño moitas ganas de falar contigo. Non sei o que se ensina aos novos mestres, pero seguro que ti tamén, coma min, debeces por entrar en aulas onde o traballo é emoción pura e dura ao servizo da aprendizaxe. Só nesas aulas, as outras xa as coñecimos e padecimos suficiente. Espero poder verte pronto, e así intercambiarmos ideas e consellos. De mestre a mestre. E de alumno a alumno.

    Un abrazo moi moi grande.

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK