SOBRE TI



Hai unha anécdota que me pasou, que creo que resume ben o que me gustaría dicirche. Unha noite, hai non moito, atopeime nunha cidade, fóra de Galicia, cun amigo ao que había tempo que non vía. De feito, pasara tanto tempo, que este amigo non sabía que eu era profesor. Nun momento da conversa, preguntoume a que me dedicaba. E cando por fin llo dixen, quedouse uns segundos mirando para min, os ollos moi abertos, negando lentamente coa cabeza. Resoprou, case parecía agobiado: "Buf... Pois tal e como son hoxe os rapaces -dixo-, non me gustaría nada estar no teu lugar". Sorrín antes de responder, como quen coñece unha certeza inalcanzable para os demais: "Pois non, equivócaste. Porque precisamente os rapaces son o mellor que ten esta profesión".

Aínda que sempre escribo pensando nos meus estudantes, non podo evitar facelo tamén para os que xa non o son. Moitas veces descúbrome tecleando o texto dunha “moeda” e pensando en persoas que xa non teño na aula. Durante un curso as experiencias que compartimos son moitas, e ás veces tan especiais, que é raro que non quede todo sementado de bos recordos. E incluso de ganas de volver xuntarnos. Por iso, aínda que non sigamos véndonos nunha aula, estou seguro que seguirás recoñecéndote en moitas das historias de Moedas para Caronte.

E despois estás ti. Que navegas libre. Por suposto, este blog tamén é para Ti.
ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK